Saturday 20 de April de 2024

A Xunta elimina un punto de vertido de augas residuais ao río Tambre no concello de Oroso


― Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizaron o foco no lugar de Sigüeiro durante a atención dunha alerta de vertido na marxe dereita do río

― Augas de Galicia requiriulle ao Concello a adopción das medidas para a corrección do vertido que tiña orixe nunha rede de pluviais, que infiltraba desde a rede de saneamento municipal

― Os técnicos autonómicos constataron recentemente que as actuacións realizadas polo Concello supuxeron a emenda do punto de vertido

A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais ao río Tambre no concello de Oroso.

Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, localizaron este foco durante a atención dunha alerta de vertido na marxe dereita do río Tambre.
As comprobacións realizadas polo persoal da Xunta na zona permitiron identificar a orixe do foco nunha rede de pluviais no lugar de Sigüeiro, que causaba infiltracións desde a rede de saneamento municipal cara ao río.

O persoal de Augas de Galicia puxo esta situación en coñecemento do Concello de Oroso co obxectivo de que levase a cabo as actuacións necesarias para emendar o punto de vertido.

Nunha nova inspección efectuada ao lugar por parte do persoal de Augas de Galicia confirmouse que as actuacións do Concello, de construción e mellora do tramo colector da rede de saneamento, reparando as filtracións nos pozos de pluviais, permitiron o cese do vertido de augas residuais ao río Tambre.